miércoles, 1 de agosto de 2012

EN RUBIÓS NACEU XOSÉ GIL

Prestxiosos investigadores e técnicos na Arte Fotográfica, entre eles Manuel González Álvarez, director da Escola Profesional de Imaxe e Son da Coruña, escribiron abondo verbo o noso protagonista.

Por eso mesmo, non é a miña intención descubrila gran figura de Xosé Gil, nen moito menos investigala súa inmensa obra profesional.. Case todo está feito. Pero sí quero dar fe do que contan os seus paisanos da parroquia de Rubiós, sobretodo os maiores, que conviviron con él, a súa dona e as tres fillas, cando viñan a pasar uns días de asueto á súa parroquia natal. Taboexa tamén aporta algo importante, porque nela naceu Miguel Sarabia Álvarez, pai dos irmáns Sarabia, e, polo tanto, sogro de Xosé Gil. (Rubiós e Taboexa pertencen ó Concello de As Neves, Pontevedra). E temos que engadir o que manifesta a parroquia de Santa María de Castrelo, do Concello de San Xoán de Río, provincia de Ourense, onde casou Miguel e naceron os catro irmáns Sarabia-González. Alén disto a informaciión dos rexistros civís de Vigo, Ponteareas, As Neves, Ourense cidade e San Xoán deRío.(Ourense).

Moito hai que dicir. Pero paga a pena porque é unha investigación curiosa e fascinante. Por ser longo o traballo, penso dividilo en dúas entradas.

*******************************************************************


PRIMEIRA PARTE

Rubiós recorda a Xosé Gil Gil no 75 aniverasario da súa morte, ocurrida o día 1 de Xaneiro de 1937. Os maiores de hoxe, de pequenos, viron moitas veces a Xosé Gil, a súa dona, Trinidad Sarabia, e ás súas tres fillas. Aínda hoxe lles chaman Don José e Doña Trini, e ás fillas: Maruja, Rosita e Pepita. Tamén recordan aos irmáns de Trinidad, cuñados de Xosé Gil, Enrique e Constantino, "Os Fotógrafos Irmáns Sarabia".Todos eles viñan, de cando en vez, a pasar uns días de descanso na casa que Gil herdara de seu pai. Tampouco  esquecen a traxedia que supuxo morreran as súas tres fillas de tuberculose de19, 18 e 17 anos de idade en un espacio de tempo tan curto de apenas seis anos.

Xosé Gil Gil, o primeiro cineasta galego
Naceu Xosé Gil  no barrio de "A Barxa". parroquia de Rubiós, concello de As Neves o día tres de Abril de 1870 ás once horas e media, fillo de Domingo Gil e María Gil, naturais e veciños do devandito lugar, xornaleiros de profesión.. Avós paternos: Pedro Gil e Manuela González; maternos: Juan Antonio Gil e María Francisca Álvarez. Padriño José Gil. Todos naturais e veciños de Rubiós.
Partida de Bautismo

Naceu nesta casa, hoxe destinada a bodega. O seu pai acadou, máis tarde, a praza de Carabineiro; en Rubiós chamábanlle "O Civil das Laxes". Foi medrando Xosé, e adquirindo unha boa formación básica. Non sei se daquela había Mestre en Rubiós; hai a posibilidade viñera a escola de Taboexa, "A escola da Baldeira, fundada polo famoso filántropo, natural e veciño desta parroquia, Don Domingo González Alonso de Castro no ano 1755 na Cidade de Segovia, á que viñan rapaces de Rubiós, Leirado, Taboexa e Batalláns. Xa dende pequeno amosou a súa afección pola fotografía. Tal foi a súa teima e ilusión en ser fotógrafo, que seu pai determinou mercarlle unha cámara e un pequeno laboratorio. Ó pouco tempo estaba practicando en Rubiós captando coa súa propia cámara e revelando no seu taller fotográfico.
Antigo Balneario de Mondariz
Os seus primeiros traballos como fotógrafo, xa en serio, tiveron lugar en Mondariz. Non sabemos exactamente cando, pero pódese calcular que sería polos anos 1892. Levou a súa cámara e o seu estudo ou laboratorio e estivo alí uns tres anos, á cata das novidades que Enrique Peinador achegaba, daquela, ata aquel centro termal e cultural. Pero, vendo que a actividade en Mondariz só existía no verán, determinou trasladarse a Ourense polo ano 1896, (segundo datas e datos que acadei nos rexistros civís de distintos xulgados), instalando o seu estudio na rúa Alba, 18, como afirma Rafael Salgado no seu libro "Achegamento a Historia de Fotógrafos en Ourense", e reafirma na súa bitácora "Ourense no Tempo".

Ó seu carón, no número 9 da mesma rúa tiña instalado o seu taller José de Sousa Guedes, "Pacheco" Axudáballe o seu irmán Jaime.

Non foi doado para Xosé Gil coller sona e renome na súa profesión ante o prestixio e fama que tiña José Pacheco en Ourense cidade. Polo mesmo, decidiu collela súa cámara e deambular por tódolos concellos da provincia. Chegou ata Pobra de Trives, destacado núcleo de Ourense ata 1870, terra de fermosas paisaxes, que espallan poesía e beleza por toda aquela bisbarra.

Hai pouco que estiven alí por razóns de investigación sobre este traballo, e quedei con ganas de tornar. Cruzou aquel lugar a Vía XVIII do Itinerario de Antonino, coñecida como "Vía Nova", que ía de Bracara Augusta ata Asturica Augusta, de Braga a Astorga. Aproveitei para ollala ponte romana sobre o río Bibei e os miliarios.




Dende aquí percorrín  polo Concello de San Xoán de Río ata chegar a unha das súas parroquias, Santa María de Castrelo, onde Xosé Gil coñeceu a súa dona.
Igrexa de Santa María de Castrelo (Ourense)
Esta é a Igrexa parroquial de Santa María de Castrelo. Anque a maior parte da súa construcción é barroca, conserva restos románicos. Unha elevada torre de dous corpos agocha un fermoso campanario barroco, rematado en cúpula, con pináculos.
Dende esta torre saquei a foto a esta paisaxe, que estades vendo, que abrange varios lugares da bisbarra, entre eles  o de "Chavián".

Por todos estes lugares andou Xosé Gil. Pero un bo día, penso que no verán de 1896, chegou ata casa dos Sarabia-González, que vivían no barrio de Sabugueiro de arriba, desta parroquia, e coñeceu a famila, composta polo matrimonio Miguel Sarabia e Rosa González e os seus fillos: José que tiña 28 anos, Trinidad, 24 ; Enrique, 14 e Constante 2 anos. Nese día Xosé Gil coñeceu a  súa dona.

Pero a cousa máis curiosa foi ao darse a coñecer Gil. "Eu son de As Neves, parroquia de Rubiós". E contéstalle Miguel Sarabia: "pois eu son tamén de As Neves, parroquia de Taboexa. Estou seguro que sería invitado de honor e comerían xuntos aquel día. Mentres , entre Trinidad e Xosé cruzábanse penetrantes miradas e o frechazo do namoramento uníunos para sempre.
Casa onde naceron os irmáns Sarabia-González.


Ó percorrer Sabugueiro de Arriba, tiven a gran sorte de atoparme con Dolores Vázquez Domínguez, irmá de D. Manuel, o antigo crego, que rexentou esta parroquia durante moitos anos. Lola tivo a amabilidade de darme as orintacións precisas, e gracias a éla podo mostraros estas fotografías.
Nas proximidades desta casa, unha señora duns ochenta anos, afirma coñecer, de nova, a Constante Sarabia.
Chámanlle " A Casa dos Sarabia", ou, "A Casa de Samuel". Parece que Samuel se casara cunha filla de Asunción González, irmá de Rosa, e seguiu vivindo nesta casa.
Patio interior da casa
Por parte da tal irmá de Rosa González, a muller de Miguel Sarabia, posiblemente chamada Asunción, aínda hoxe existen descendentes  en terceira xeración. Puiden falar con Benjamín, que, anque vive en Ourense, encontreino pasando uns días no barrio de Chamián. Él mesmo me dixo que ten unha curmá, chamada Asunción (Sunita), que vive en Ourense. Afirma Benjamín que os irmáns Sarabia-González, eran tíos de súa nai. E dá satisfacción escuitalo decir que entre os superviventes da familia  prosiguen os nomes  de Trinidad, María, Rosa, Josefa... E afirma que van moitas veces ao Cemiterio de Pereiró, en Vigo, a facerlle unha visita aos seus antergos, soterrados no Monumento Funerario do escultor Asorey, pertencente a familia Gil-Sarabia.

Benjamín Fernández González
Alguén afirma, que aproveitando un vello proxector de películas, que había na tal casa, posiblemente deixado por Gil ou Constante, adaptaron o motor a unha pedra de afiar, que proseguiu facendo marabillas en tódolos obxectos cortantes.

Casa dos Sarabia en Taboexa.
Esta é a casa onde naceu Miguel Sarabia Álvarez, o sogro de Xosé Gil, reformada no ano 1943 por un novo propietario; de eso son testemuña, porque cando pasaba para a escola, vin, durante moitos días, obreiros nas estadas traballando na tal reforma. Na actualidade é doutro dono. Pero aínda así, a xente de Taboexa seguelle chamando "a casa dos Sarabia"

E ¿cómo cheguei a investigar que o apelido "dos Irmáns Sarabia" ven de Miguel Sarabia, natural de esta parroquia de Taboexa, concello de As Neves, Pontevedra? Pois , moi sinxelo: Na acta do rexistro civil do Xulgado de Vigo, no folio 400, número 398, consta que Josefa Gil Sarabia, filla de José Gil, natural de Rubiós, concello de As Neves, Pontevedra e Trinidad Sarabia González, natural de Castrelo, Pobra de Trives, Ourense, naceu en Vigo na rúa carral,14 o día 11 de Abril de 1906 ás tres e media da mañá.  Avós paternos Domingi Gil e María Gil, naturais de Rubiós , As Neves Pontevedra. Avós maternos: Miguel Sarabia, natural de Tabueja, provincia de Pontevedra, y Rosa González, de Castrelo, en Puebla de Trives, Ourense. Asi mesmo,consta na acta, que foi o pai, Xosé Gil, quen foi ao Rexistro a dalos datos para inscribila acta de nacemento da súa terceira filla.
A familia Sarabia estaba moi arraigada en Taboexa, dende tempos remotos. No ano 1732 tomou posesión do Beneficio Curato desta parroquia, D. Rafaél Antonio de Sarabia y Horcasitas, quen foi nomeado arcediago da catefral de Túi no ano 1748. Coido poidera traer familiares con él, e casaran nesta parroquia dando así a orixe da familia Sarabia. Este é outro tema no que estou investigando.
Mentres tanto no Arquivo da Catedral de Tui atopei estas novas:


Juan Antonio Sarabia Álvarez, pai de Miguel, naceu en 1809.



No día 23 de Xullo de 1827 Juan Antonio, fillo de Miguel Antonio Sarabia e de Francisca Álbarez casa con Josefa Álbarez de Puga, e teñen dous fillos, o noso protagonista Miguel, que leva o nome de seu avó paterno, e Francisca, que naceu o 7 de Setembro de 1839, permaneceu solteira e non deixou descendencia.

Como vedes, Miguel naceuo o 21 de Xullo de 1830, en Taboexa, fillo de Juan Antonio Sarabia y Josefa Alvarez de Puga E segue expoñendo os avos paternos e maternos, afirmando que todos eles son naturais desta parroquia.
 Non deixa de ser emocionante descubrir que Taboexa tamén ten algo que aportar nesta historia.

Xa mozo Miguel, trasladouse a Ourense en procura de traballo, e encontrouno nalgunha das telleiras de Pobra de Trives. Na parroquia de Santa María de Castrelo, no barrio de Sabugueiro de Arriba, coñeceu a Rosa González. Correría o ano 1866. Casaron no 1867 e no 1868 naceu o primeiro fillo, a quen lle puxeron de nome José, e despois naceron Trinidad en 1872, Enrique en 1882 e Constante en 1894

.A mesma historia ocurría agora con Xosé Gil. Os dous namorados víanse con frecuencia. Pero Trinidad era de esas mozas de antes, que, para casar, tiñan que coñecer moi ben a súa parella, e non mantiñan relacións sexuais, mentres non desposaran.

Hai quen escribe que Constante Sarabia foi supervivente da Guerra da independencia cubana, cousa imposible, porque no inicio da tal guerra, en 1895, tiña un ano de idade. Eu crín na posibilidade que fora José. Pero, descarto tamén iso, porque hai documentos no Rexistro Civil da Cidade de Ourense, que tetemuñan a súa conparecencia no ano 1902 e 1904, para dar datos do nacemento dos seus sobriños, José e Rosa, e declara que é fotógrafo de profesión, natural de Castrelo e veciño da cidade de Ourense. Coido que Xosé Gil lle daría traballo e pousada no seu estudio na rúa Alba. Gil necesitaba de alguén que lle quedara no taller para atendela clientela. Desta maneira José Sarabia foi o primeiro dos irmáns en ser iniciado por Gil na arte fotográfica.

Xosé e Trinidad casaron na parroquia de Rubiós, As Neves, o 14 de Febreiro de 1898, ás 10 horas . Párroco oficiante, D. Evaristo Senra Martínez. Tiña o noivo 27 anos e a noiva, 26. Firmaron a acta os pais respectivos dos noivos, Domingo Gil e Miguel Sarabia. (Rexistro Civil de As Neves, Folio 9, Número 1.142).

Faredes a pregunta, que tamena fago eu. ¿Por qué non casaron en Santa María de Castrelo, parroquia da noiva?. Coido que alguén da familia acababa de falecer, porque Trinidad vestía de loito. Esa sería a razón de non celebrala voda alí, sobretodo naqueles tempos en que o xantar facíase na casa da noiva.

Tamén en Rubiós naceu a primeira filla deste matrimonio, MARÍA, o día 25 de Xuño de 1899 ás 8 horas da mañan. Foi o avó paterno da nena, Domingo Gil, quen acudiu ó Rexistro Civil de As Neves para dalos datos. Na súa propia casa, barrio do Crasto, nacera a súa primeira neta. (Folio 179, Número 4.653).

Esta era a casa adquirida por Domingo Gil, que herdou o seu fillo. Está reformada na actualidade e pertence a outros donos. Nela celebrouse o banquete da voda Gil-Sarabia, e nela naceu María  Neste curruncho viña a familia a pasar uns días de asueto, de cando en vez.


Pedindo disculpas a Rafael Salgado, copio esta foto do seu Blog "Ourense no tempo. Está feita por Gil e coido é a sua muller, Trinidad. Os maiores de Rubiós vírona moitas veces. Din que era máis ben baixa de estatura, delgada e morena.

A familia Gil-Sarabia coa nena María voltaron a Ourense, pero desta vez instaláronse na rúa Progreso,73 agora 53, conservando o estudio que tiña anteriormente na rúa Alba, 18, no que montou unha sociedade, de curto período, con Xaime Pacheco. que non foi moi ben aceptada polo seu irmán José. É posible que o mesmo Xosé Gil disolvera a sociedade para que os dous irmáns non tiveran problemas.

Ás sete da tarde do día 18 de Marzo de 1902, nace a segunda filla do matrimonio Gil-Sarabia, na casa nº 73 da rúa Progreso. Como xa escribín, foi o seu tío Jose Sarabia dalos datos ó Rexistro Civil. da cidade de Ourense, (folio 187, número 187).

Os dous cuñados seguían traballando arreo. A exposición fotográfica no estudio de Gil comezaba a ter fama. O nacemento dun fillo supón sempre un afán de superación. Este empeño prosegue durante o ano 1903. Hai quen afirma percorreu por toda a provincia de Lugo coa súa cámara na búsqueda de novos clientes.


Este militar, D.Evaristo Senra Marttínez, era, entón, o párroco de Santa María de Taboexa e o seu anexo San Xoán Bautista de Rubiós. Nos primeiros 7 anos da sua carreira sacerdotal exerceu como capelán castrense. Coñecía moi ben as dúas familias Gil e Sarabia. Dél escribín na entrada "O Derradeiro Beneficio Curato da Parroquia de Taboexa", na miña bitácora "As Pedras de Taboexa falan" (www.taboexa.es). Un bo día acudiu a Xose Gil, vistiuse de militar e sacou esta foto. Expoño isto aquí para contemplar, xa daquela, o avance técnico do seu taller fotográfico, exposto como publicidade no reverso da foto: "Fotografías Al Platino.-Ampliaciones al tamaño natural.-Porcelanas Fototipias y Oleografías".

Unha gran ledicia e satisfacción recibíu a familia Gil-Sarabia, cando ás tres e cuarto da mañán do mes de Xuño de 1904 na devandita casa nº 73 da rúa Progreso nace o terceiro fillo, neste caso un neno, a quen lle puxo de nome José. (Rexistro Civil da cidade de Ourense, folio 90, número 90). Nen que dicir ten a gran alegría de Gil, ao ver, que despois das dúas fillas acababa de nacerlle un fillo. Pero esta gran ledicia trócase axiña nunha profunda tristura. O neno falece ós poucos días, ás tres da tarde do día dous de Xullo de 1904 a resultas de diarrea verde dos recén nados, segúndo parte facultativa.(Rexistro Civil da cidade de Ourense. folio 62, número 62). Gil sufriu moito pola morte do seu fillo, tan desexado. O que non sabía él que isto era o preludio da gran traxedia, que sucedería máis tarde coas súas fillas.

Fora motivado pola morte do seu fillo, ou que se enterara do gran desenrolo e despegue económico da Cidade Olívica, Gil determinou trasladarse a Vigo e montar alí o seu taller. Segundo afirma Rafael Salgado, o seu traslado a Vigo sucedería no ano 1905, porque en Marzo de 1904 Gil denuncia ó Concello da cidade de Ourense as malas condicións hixiénicas da rúa Progreso, onde traballaba e vivía coa súa familia.

En Vigo, estableceuse na rúa Carral, 14. Con él foi tamén o seu cuñado José.

Montou no baixo o seu Estudio Fotográfico e as mostras expostas, comezaron a gustar á alta sociedade viguesa Traballou de cheo, fotografando sen parar. O seu cuñado José axudáballe no Estudio. Pero comezou a encontrarse enfermo, e non tardaron en virlle as primeiras hemoptises. Non dubidou Gil en levalo ós mellores tisiólogos de Vigo e Santiago. Pero daquela a tuberculose non tiña remedio.

No día 11 de Abril de 1906, ás dez e media da mañá nace a súa derradeira filla, Josefa.(Folio 400 Número 398, Rexistro Civil de Vigo). Sempre é unha gran satisfacción e motivo de alegría cando nace un fillo, sexa neno ou nena. Pero é de supor que en este caso Gil desexaría un neno para mitigalo triste recordo de aquel outro, que lle morrera en Ourense.

Gil axudou sempre os seus cuñados, como se foran irmáns, pero sobretodo iniciándoos na técnica e arte da fotografía. Ó ver que José non tiña cura,  mercou no cemiterio de Pereiró unha cripta con tres hocos. O primeiro en estreala foi José Sarabia. Según datos do Rexistro civil de Vigo, faleceu na rúa Carral,14 ás 10 horas do día 11 de Novembro de 1907, de tuberculose pulmonar. Estaba solteiro e tiña 39 anos de idade.(Folio 495, número 493).

Seu irmán Enrique Sarabia, posiblemente despois de cumprilo Servicio Militar, veu a Vigo para traballar con Xosé Gil. Tiña entón 25 anos. Estableceuse na rúa Elduayen, 30. Pronto se xuntaría con él seu irmán Constante, que daquela tiña 13 anos. Axiña os dous foron aprendendo de Gil a técnica da arte fotográfica. Axudábanse entre sí, pero os dous irmáns Sarabia tiñan tamén o seu propio estudio na rúa Elduayen,30.

Xosé Gil montou numerosas exposicións adquirindo diversos premios e un gran recoñecemento á súa actividade profesional Chegou a facerse cargo das correspondencias de cabeceiras prestixiosas de ámbito nacional como ABC, Blanco y Negro e Caras y caretas. Dende Xaneiro de 1909, afrontou a dirección artística da revista mensual gráfica "Vida Gallega" que fundou Jaime Solá Mestre nese mesmo ano. O primeiro número saíiu en Xaneiro, coa portada de Castelao e o último en 1938, publicándose un total de 697 números..

Vigo ferve neste tempo cunha enorme actividade social. O Centro estaba cheo de egrexios e suntuosos edificios, que construiran e seguían construindo célebres arquitectos, como: Antonio Palacio Ramilo, Manuel Gómez Román, Jenaro de la Fuente...etc. As fábricas conserveiras de Antonio Alonso e Hijos, Massó Hermanos, S.D., e Albo, comezaban a desenrolala urbe con moitos postos de traballo. E non digamos "A Artística", fábrica metalúrxica, producindo e litografando latas para as conserveiras de Vigo, para outras conserveiras galegas e españolas e mesmo para o extranxeiro.Fúndase a Compañía de Tranvías Eléctricos, e en 1914 saíu o coche Nº 301, de caixa metálica, chamado "A Bonita", e máis tarde a liña Vigo-Bouzas, Vigo - Baiona e Vigo - Porriño. No porto, miles de galegos embarcaban rumbo a emigración americana. Abundaban periódicos e semanarios e tamén asociacións e organizacións de caráter político e sindical. O Concello de Vigo asumiu ao Concello de Bouzas no ano 1904 e máis tarde en 1930 ao de Lavadores.

Xosé Gil fitou para todo iso, xa a finais de 1909 se falaba da posible fundación da compañía de Tranvías eléctricos en Vigo, e creu que a súa cámara era pouca cousa para captar tan impotantes eventos.

No ano 1910 mercou unha cámara cinematográfica e comezou a filmar sen parar.

As películas dese ano, referidas na prensa da época, son:

Cabalgata anunciadora de las fiestas de Vigo (1910).
Concierto de la Banda Municipal de Madrid (1910)
Concurso Hípico en Vigo (1910)
La excursión viguesa a Santiago, Lérez y La Toja (1910)
Manifestación anticlerical (1910)
Regatas en Vigo (1910).
Salida del "Wolverini" (1910)
Llegada de la excursión portuguesa a Vigo (1910).
Tercera sesión del concurso hípico (1910).
La procesión cívica (1910).
Colocación de la primera piedra del monumento a Curros Enríquez (1910).
La Ribera del Berbés (1910)
La Fiesta de la Poesía (1910).
La Patria de Colón (1910). Ten esta película 500 metros. Abarca: I Viaje desde Vigo a Pontevedra.- II.- El Sr. García de la Riega y la prueba documental.- III Portosanto, el lugar en donde nació Colón. IV Escenas campesinas en Portosanto.- V Paisajes pontevedreses.

Neste período traballou en colaboración co empresario e amigo Isidro Pinacho, que actuou como o productor e exhibidor das súas creacións.

No mesmo ano, 1910, inaugurou na rúa Príncipe, número 49, unha nova galería cos adiantos máis modernos da época e converteuse no fotógrafo máis popular da súa comarca.

Creceu tanto a súa economía que podía alternar cos grandes da cidade. Moi poucos tiñan teléfono daquela, as Conserveiras, a metalúrxica, posiblemente o Alcalde... e "A Gran Fotografía Gil" co número 8.

Segue filmando sen parar : ""La emigración en los puertos gallegos" "Las estancias de las escuadras del Atlántico y del Mediterráneo en Vigo" "La excursión viguesa a Pontesampaio", "Botadura del España", Todas elas no ano 1911.

No ano 1912, entre outras, "Escuelas del Valle Miñor", "La jinkana automovilística" e "Concurso hípico".

(Tomado de AVG, o Soportal do Audiovisual Galego, Consello da Cultura Galega).

Tomo tamén nota da crónica que escribe para Faro de Vigo (31 de Enero de 2005) Rafael Sánchez Bargiela :"Outra faceta que tetemuña o carácter emprendedor de Xosé Gil é a súa relación coa industria automovilística. Dende 1914, e durante máis dun lustro, tivo a representación da marca Ford en exclusiva para Galicia, sendo un dos primeiros galegos en posuir un Ford negro, un catro cilindros con dúas velocidades e retroceso".

Conta Gerardo González Martín que "fixo chegar ao mesmo Henry Ford unha película rodada na praza de touros de Pontevedra, onde os picadores ían montados en vehículos de aquela marca. Aínda que Henry Ford agradeceulle o envío, en 1920 perde a concesión". O motivo está claro. Henry Ford creu que os seus coches pintaran o ridículo na praza.
Xosé Gil filmando no seu Ford

"Nadie muere del todo si le filma Usted una película" era el eslogan que hacía pintar en el vehículo, a modo de publicidad. El tiempo le ha dado la razón y casi 75 años después de su muerte , el genio de Gil vuelve a brillar .... (Instituto de Estudios Vigueses).

Manuel de la Fuente , na súa crónica a Faro de Vigo 23 de Xaneiro de 1989, copia o que escribiu o mesmo diario o 23 de Xaneiro de 1914: "Xosé Gil, el magnífico fotógrafo y camarógrafo de nombradía, pionero del cine en Galicia, estrenó el Ford en Redondela, a donde se trasladó para filmar exteriores".

Según explica Gil "pesa sólo 650 kilos y desarrolla un andar de de 80 Km. por hora, con un consumo de doce litros de bencina por cada cien kilómetros y una fuerza de 20 caballos.Tiene la curiosísima ventaja de llevar una dinamo de baja tensión, sustituyendo el volante de poner en marcha el motor, que, directamente, sin acumuladores, produce la energía suficiente para la ignición y el consumo de dos faros potentísimos, cuyo rayo luminoso tiene un alcance de 125 metros"."La parte metálica del auto es de acero al banadio, de una gran resistencia y de poco peso. El motor es tan sencillo que lo componen sólo 47 piezas, encerradas en una coraza de acero. Las cámaras de aire, debido a la ligereza del coche, son también de menor coste que las de cualquier otro.Caben en él, cómodamente, cuatro personas y el chauffer, amén de cuanto necesite llevar consigo cualquier persona dedicada a negocios que le obliguen a ir y venir.. Puesto en la puerta de casa, con todo el equipo, doble faetón, y despachado para circular libremente, cuesta 6.000 pesetas".(36 euros de hoxe)..

No ano 1914 filma "La fuga de Llanderas".

E no 1916 "Miss Leyda". Según AVG, o Soportal do audiovisual galego, Consello da Cultura Galega na Rede ..."Miss Leyda é a película máis conseguida e conta a historia das preocupacións dunha rica herdeira norteamericana en desbaratar as intencións anarquistas de asasinar o rei de Suecia, de vacacións na Toxa. Película que, no seu reducido metraxe, conta cunha excesiva condensación narrativa. Nas secuencias da película abondan os exteriores, realizados nas localizacións das paisaxes da ría de Pontevedra. Como curiosidade pódese ver a un mozo Castelao, cunha arma na man, interpretando o papel dun facineroso anarquista. As críticas dos xornais da época sinalaban:

"La impresión de la película está muy bien hecha y demuestra lo que podría hacerse aquí, de establecerse de una manera definitiva la industria cinematográfica" Faro de Vigo, 16-V-1916.

Contan os veciños maiores de Rubiós que tamén nesta parroquia filmou polo menos dúas películas: "O muíño do Freixo" e "A festa da Virxe do Libramento". Non se sabe en qué ano, pero coido debeu ser antes de 1918, ano en que faleceu a súa filla Maruja. Tal como mo contaron, asi o escribo.
As ruínas do muíño do Freixo e Manuel Groba Cuña, un dos herdeiros.
"O muiño do Freixo". Unha moza chega ata porta do muíño cargada co saco de millo, que coloca no pousadoiro, e abre a porta. Fita arredor por se algún rapaz ven a meterse con ela. . Verte o gran na adella, pon o tangaño enriba da mó, levanta o pexadoiro e a mó comeza a xirar; regula o erguedoiro, ata que a fariña saia ben miúda. E todo esto faio paseniñamente para que Gil poida rodar en boas condicións. Xa posto o muíño a traballar, sae a fóra a espreitar se por alí anda algún rapaz, e parece que sentiu algún ruído, porque corre axiña para o muíño e pecha a porta por dentro Aparece entón un mozo petando a porta. Como non lle abre, sobe pola parede do inferno e tenta entrar polo fachinelo. A moza deulle un empurrón e o rapaz cae ao chan encargándose as penas do rodicio de darlle unha boa molladura. No intre, aparece máis xente, rindo ás gargalladas, polo que lle acontecera ao pobre mozo.

Quixo resaltar Gil as lendas dos muíños, onde namoraba a mocedade e bailaban a muiñeira. A picaresca desa lenda está recollida nesta cantiga:

Unha noite no muíño
unha noite non é nada;
unha semaniña enteira
esa sí é muiñada.

Na película da "Festa da Virxe do Libramento" filmou a cerimonia relixiosa coa procesión, a corrida de galgos, a pelexa de galos, e o partido de fútbol.

Retornando a Vigo, debo de expor aquí polo menos un resumo da crónica de Manuel de la Fuente (Faro de Vigo, 29-V-90 ) recopilando escritos laudatorios sobre José Gil no mesmo diario o 29 de Maio de 1915:

"Gil es el fotógrafo de las sorpresas. Alguna vez dormitará como Homero,... Al contemplar sus trabajos, no se sabe quien hizo más, si el fotógrafo que recoje la verdad, ó el artista que la embellece...y es que...componiendo el cuadro rodea sus figuras de una sugerente y melancólica poesía, que, sin robarles un ápice de realismo, las adentra por el campo del ensueño"

"En esto, que constituye el tercer entorchado de la fotografía moderna, tendrá Gil muy pocos que le igualen. Verdad que para esto no basta conocer los objetivos y saber manejar los baños. Hace falta también sentir el arte profundamente, intensamente, verdaderamente. Por eso la Exposición Gil produce asombro. Las fotografías del maestro hablan de algo nuevo, que está por encima del parecido, de la limpieza y hasta de la originalidad. ¿Puede ser genial un fotógrafo? Pues Gil lo es".

"Parte de las efusivas y numerosas felicitaciones que Gil recibe estos días sólo le pertenecen como maestro. Fueron ganadas en brillante lid por su discípula. Su discípula es su hija María, que dotada de una exquisita sensibilidad, de un buen gusto depurado, y de un enorme amor al trabajo y un gran deseo de adquirir una extensa cultura artística, es ya una institución dentro de la acreditada casa de su padre".

"Maruja Gil supo aprovechar las buenas lecciones recibidas y en los retratos de la exposición que llevan su firma, muestra sus conocimientos y su intuición sorprendente. Hoy puede Gil salir tranquilo en su Ford a recorrer Galicia. En sus talleres queda una mano de artista que sabrá mantenerlos a la altura de su fama. Reciba también la linda Maruja nuestra felicitación".

Cando recibiu María estas loubanzas na Prensa tiña uns 16 anos, Rosita,14 e Josefa 9. Eran as tres o orgullo de seus pais. Ían aos mellores colexios e tiñan unha moi boa formación. Se María  mostrabase  xa como unha principiante artista,  as irmás cobizaban selo mesmo.

A familia Gil viña a Rubiós con frecuencia, sobretodo nas festas. As fillas relacionábanse moito coa xuventude da parroquia. María mantiña un idilio con José Novoa González, irmán do compositor de música, do que escribín na entrada "Rubios e a súa Banda Popular de Música". Para axudar a María Rosita deixábase acompañar de Antonio Álvarez Rodríguez. Pasados uns anos Rosita e Antonio chegaron a namorarse tanto que se escribían a cotío. Hai escritos que o testemuñan. Á María non lle deu tempo a  namorarse desa maneira, pero na súa man esquerda parece mostrar un anel de compromiso.




No inverno de 1917 unha triste fatalidade desgarra os corazóns da familia Gil-Sarabia. María comezaba a telas primeiras hemoptises. A tuberculose apenas se nota ao principio. Don Santiago Ramón y Cajal soubo que tiña tal enfermidade cando nunha cafetería cos seus amigos notou as primeiras hemorraxias.

Gil acudiu coa súa filla aos famosos tisiólogos D. José Ramón de Castro en Vigo e a D. Miguel Gil Casares, en Santiago. E incluso recorreu aos mellores especialistas de Europa, gastando unha fortuna. Pero, daquela, non había menciña para dita enfermidade.Rosalía de Castro, anque morreu de cancro de útero, padeceu o contaxio da tise, á que lle tiña moito pánico, a súa negra sombra. e escribe ao seu home Murguía:"Sigo tomando leite de burra, pois o bo médico non me dixo nen "oste nen moste" nen me deu máis remedio".

O único qu receitaban os médicos era repouso, boa alimentación, aire puro e leite.

María foi empeorando... e no 15 de Setembro de 1918, ás 18 horas, falece en Vigo no seu domicilio rúa Príncipe, 49-1º (Rexistro Civil de Vigo folio 266, número 494).

Non hai verbas para describila tremenda dor de seus pais. A cidade de Vigo acompañou á familia neses momentos tan tristes e sentiu profundamente a desaparición tan repentina da nova artista. En Rubiós e Santa María de Castrelo non deixaron de chorala súa morte.
Cripta de tres hocos da familia Gil-Sarabia
Foi sepultada no Cemiterio de Pereiró nun dos tres hocos desta cripta propiedade da familia Gil-Sarabia, nos terreos de Clase Preferente, Zona 6ª..

Dende entón Xosé Gil comezou a sufrir unha gran depresión, que non foi quen de superar. Era, daquela, unha enfermidade descoñecida e polo tanto non tiña tratamento.

Recuperado, en parte, encargou ao seu amigo e prestixioso escultor Francisco Asorey González un Monumento Funerario para "Maruja".
Francisco Asorey  (1889-1961)
O gran mestre, que coñecera a María e aínda estaba consternado pola súa morte, verte na obra escultórica, con gran finura e arte, a gran expresion e vivencia dunha morte doce coma un sono. Era un regalo que lle facía a María, e, dunha peza de blanco mármore tallou a obra con todo empeño e cariño, creando unha escultura de moito valor artístico, dina de admiración. Hoxe en día é o monumento funerario máis visitado de todo o Cemiterio de Pereiró. Acotío aparece adornado de frescas rosas.


Asorey representa a morte non como agresiva e traizoeira, máis ben como agarimosa. Envurulla a María co seu manto, afinca os pés no chan con forza , camiñando ás zancadas, e agarrándose coas máns ás pedras para levala a escape deste mundo

Mentres, María, coa medalla da Virxe, pendurando no seu peito, déixase levar.




Nótase que ten presa pola gran chancada dos seus pés e a forza que fai para afincalos no chan.
Pé dereito da morte
Pé esquerdo 
Nas fotos seguintes vése como a morte aferrase ás pedras coas dúas mans.Por outra banda, María déixase levar pola morte, acariciando as rosas, aínda abrochos, símbolo da súa xuventude coa man esquerda e extendendo lánguidamente a dereita sobre a man da morte.






Continuará na seguinte entrada: "En Rubiós naceu Xosé Gil, 2ª Parte", no Blog "As Pedras de Taboexa falan" (www.taboexa.es).

No hay comentarios:

Publicar un comentario